A mediación é o marco de prácticas a través do cal a cultura, o feito artístico, o artefacto se poñen en relación coas persoas a través de (idealmente) marcos de cocreación, reflexión, diálogo ou participación co fin de xerar novas capas de coñecemento xuntas que nos permitan conectarnos dun xeito máis consciente e crítico coa contemporaneidade.
Unha cuestión verdadeiramente relevante da mediación cultural é que activa unha serie de prácticas instituíntes que nos axudan a transitar cara a outros modelos de políticas culturais. Fronte ás políticas de produción, a mediación céntrase no proceso. Non son prácticas finalistas nin teñen un obxectivo prefixado; son laboratorios de experiencias onde a cocreación fai que o obxectivo sexa colectivo, imprevisto e mutable. Así mesmo, son prácticas que requiren saír do sectorial para abrir inevitablemente o diálogo con outras instancias políticas e sociais. Os proxectos de mediación cultural son procesos participativos que esixen dende o deseño estratexias activas de participación coas comunidades e colectivos do contexto, dende unha escoita activa e dende unha análise crítica sobre a direccionalidade das nosas intencións.
Neste sentido, a mediación cultural é unha estratexia mediante a cal activamos e garantimos os dereitos culturais. A mediación cultural é o marco de prácticas que viabiliza a activación dos dereitos culturais, nun contexto social no que é prioritario garantir vías de acceso a espazos de xeración de pensamento complexo e creativo. Constitúe un marco de acción e creación que leva no seu ADN o coidado da vida e, con iso, promove a transición cara a outro tipo de políticas culturais que aseguren estes dereitos.
Por todo iso, dende este eixe traballarase arredor da profesionalización da mediación cultural, a cal non só pasa por crear un marco contractual digno, senón por outra serie de cuestións como a consolidación do sector e a reivindicación das capacidades propias da mediación.