Este eixe aborda a igualdade de xénero no ámbito da cultura. Ten a particularidade de configurarse como un eixe do Plan de Dereitos Culturais á vez que como un plan autónomo, o Plan de Igualdade de Xénero do Ministerio de Cultura. O seu obxectivo fundamental é lograr a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres nas diferentes manifestacións da cultura.
As conclusións da presidencia do Consello da Unión Europea, adoptadas en decembro de 2020, subliñan o potencial da cultura para promover a igualdade de xénero e recoñecen as desigualdades ao respecto persistentes no sector, vinculadas ao acceso do mercado, a igualdade salarial e de representación, así como a valoración do traballo.
O crecemento do sector cultural nos últimos anos non tivo un reflexo proporcional en termos de igualdade entre homes e mulleres, de tal forma que se mantivo o desequilibrio tanto na produción coma no consumo cultural. Por un lado, dende o punto de vista do traballo cultural, existe un notable desequilibrio entre o número de mulleres que se forman nas especialidades culturais e o acceso ao emprego no sector, un salto que se fai especialmente notorio ao comprobar a minoritaria presenza feminina en postos de responsabilidade (EMAKUNDE, 2022). Non obstante, no que respecta ao consumo cultural, as mulleres consomen máis cultura tal e como indican a Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais (Ministerio de Cultura: 2022).
Os aspectos principais sobre os que se quere traballar e sobre os que se realizaron as reunións de diagnóstico co sector son a visibilidade e participación das mulleres, o emprego cultural e a situación no relativo ás violencias machistas.
De acordo con este marco, as liñas de actuación do plan que estruturan as medidas que hai que desenvolver son a igualdade de oportunidades no traballo cultural, a visibilidade e recoñecemento de mulleres artistas e traballadoras culturais do pasado e a actualidade, a formación e o coñecemento neste ámbito e as accións contra as violencias machistas no sector cultural.