A avaliación de políticas culturais experimentou avances significativos nos últimos anos. Non obstante, un dos principais retos pendentes é o vínculo co paradigma dos dereitos culturais. Por este motivo, este eixe terá como principal obxectivo elaborar un documento que contribúa ao desenvolvemento da avaliación de políticas culturais dende o enfoque dos dereitos culturais.
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece, no seu artigo 27, que “toda persoa ten dereito a participar libremente da vida cultural da comunidade”. É dicir, o foco céntrase na participación na vida cultural (e non no acceso á cultura) e, moi especialmente, nas condicións nas cales se participa (“libremente”). Non é menos importante a referencia á participación na “comunidade” (e non só na cultura lexitimada institucionalmente). En liña con esta definición, numerosas voces (dende o Grupo de Friburgo ata a Axenda 21 da Cultura ou as relatoras especiais da ONU para os dereitos culturais) advertiron da importancia do dereito a participar na definición, implementación e avaliación de políticas culturais.
Que significa entón que a avaliación de políticas culturais responda a este enfoque de dereitos culturais e, polo tanto, de dereitos humanos? Esta é a pregunta que guiará este eixe, no que se propón abordar os seguintes aspectos:
- Por que avaliar as políticas culturais, é dicir, que necesidades públicas deben ser atendidas pola acción gobernamental neste campo.
- Que avaliar nas políticas culturais, é dicir, cal é a axenda de temas prioritarios que hai que abordar na avaliación.
- Como avaliar as políticas culturais, é dicir, que metodoloxías, instrumentos e axentes poden e deben levar a cabo a avaliación.
Estas serán algunhas das cuestións que se terán en conta neste eixe no que se comprende a avaliación de políticas públicas (tamén as culturais) como un mandato legal e unha obriga social.