Ud está aquí:
  1. INICIO
  2. Eixes temáticos
  3. Diversidade lingüística

Diversidade lingüística

A diversidade lingüística e o bilingüismo, entendido como a competencia en dúas ou máis linguas, encóntrase en todo o mundo, en todos os niveis sociais e en todas as franxas de idade (Grosjean, 2010) e constitúe un aspecto fundamental da socialización, así como da construción da identidade persoal e social. Un aspecto que, non obstante, ata case o século XXI non foi recoñecido de forma adecuada nas políticas públicas.

No caso do Estado español, este defínese como unha composición histórica plurilingüe, aínda que no ordenamento xurídico e constitucional esta composición plurilingüe ten un tratamento desigual. O castelán (español de España) é concibido como a lingua oficial do Estado, mentres que as demais linguas non teñen nin o mesmo rango nin a mesma consideración, aínda que sexan oficiais nos seus respectivos territorios (catalán, aranés, vasco e galego), a diferenza do que sucede noutros estados plurilingües, como Suíza, Bélxica ou Canadá, que outorgan un recoñecemento xurídico equivalente ás linguas oficiais respectivas. Así mesmo, outras linguas aínda non son recoñecidas como oficiais nin de forma institucional, como é o caso do asturiano ou o aragonés e das linguas non territoriais da comunidade xitana (caló, romaní), ou ben as linguas de signos nas súas distintas modalidades.

Por outro lado, as propostas sobre a linguaxe inclusiva, especialmente en canto ao xénero, apareceron nos anos recentes como un novo envite que pon sobre a mesa o papel da linguaxe na construción das identidades.

Neste contexto, algunhas das liñas de traballo que este eixe abordará serán as seguintes:

  • Análise e formulación de propostas para o desenvolvemento do marco conceptual, o marco lexislativo e o recoñecemento institucional da diversidade lingüística do Estado español na súa relación cos dereitos culturais.
  • Elaboración de diagnósticos e propostas relativas ao ensino e usos públicos das linguas territoriais oficiais do Estado, as linguas territoriais non oficiais, as linguas da inmigración e as linguas non territoriais (caló/romaní, lingua de signos etc.).
  • Definición de estratexias que aborden as interseccións entre linguaxe, identidade e acceso á cultura: linguaxe inclusiva e lectura doada.
  • Desenvolvemento dos dereitos lingüísticos dixitais.
Subir