Habitualmente, cando se presentan cuestións referidas á desigualdade, abórdanse cuestións como a distribución da renda, a fiscalidade, a estratificación social, a mobilidade interxeracional, os teitos de cristal de clase, xénero, raza, idade, o impacto do territorio, o desempeño na escola, a participación, ou o voto... non obstante, unha das habituais ausentes é a cultura.
Xa Nicolás Barbieri sinalara este sistemático esquecemento no seu ensaio “É a desigualdade, tamén en cultura”, escrito para o programa Cultura e Cidadanía. Nel, o politólogo sostén que “a cultura é a dimensión relegada da desigualdade”, case invisible en investigacións, axendas urbanas, estratexias estatais e marcos internacionais. Sabemos con seguridade se o noso sistema cultural reforza a xustiza social ou a debilita? Que evolucións, medidas, boas prácticas reforzarían a igualdade dende o tecido cultural? Que políticas poden guiar a acción pública nesa dirección? Que nocións ou desenvolvementos poderían orientar unha política cultural que incorpore o vector da desigualdade? Unha delas ten que ver con entender, reivindicar e materializar os dereitos culturais como dereitos humanos, que non poidan estar supeditados a recortes, inxerencias ou arbitrariedades. Outra, complementaria, lévanos pola vía da xustiza social. Outra, complementaria, lévanos pola vía da xustiza social. Do mesmo modo que asistimos a unha declinación da idea de xustiza social, poderiamos pensar nunha xustiza cultural? A idea de xustiza cultural pode ser un horizonte inspirador para un plan de dereitos culturais consciente da desigualdade, con nocións emparentadas como as de igualación, redistribución ou reparación cultural, que atenderían simultaneamente a aspectos económicos, sociais e antropolóxicos.
De feito, un dos aspectos escorregadizos da cuestión que nos ocupa é a propia definición de cultura. Os retos son pois: como ampliar o repertorio do que entendemos por cultura, para atender e fomentar formas variadas e respectuosas da diversidade social? Como atravesar-coidar, coidar-atravesar as diversas comunidades culturais dende as políticas públicas e as institucións artísticas? Como democratizar sen homoxeneizar?
Por todos estes motivos, o obxectivo deste eixe, en constante diálogo co resto dos eixes do Plan de Dereitos Culturais consiste en formular as fendas culturais en España en dimensións clave dos dereitos culturais: o acceso e a participación, a creación ou produción cultural, e a toma de decisións e avogar por unha cultura para todos en prol dunha sociedade máis xusta e igualitaria.